Costurearte


A arte feita costura. Outras formas de facer economía son posibles.

Imaxe de cabeceira da campaña
Lortutakoa
0
Obxectivo: 10.000,00 €
0
Doazóns

Que é CostureArte?

CostureArte S. Coop. Galega é máis que unha cooperativa; é un proxecto de vida colectivo que naceu nas aulas do curso de Costura Creativa da Asociación Arraianas. Juana Arango, colombiana de 35 anos proveniente de Ituango, Antioquia, chegou a Santiago de Compostela cunha maleta chea de soños e unha paixón pola costura que xerminou xa en Colombia xunto á máquina de coser da súa nai.

Diana Viveros Lenis, de 42 anos, tamén colombiana, trae consigo a experiencia de ter dirixido durante 16 anos unha Empresa Asociativa de Traballo no seu país natal. A súa chegada a Galicia estivo marcada pola dor do racismo cotián, pero tamén polo descubrimento dunha comunidade que a acolleu e lle permitiu sandar mentres tecía novos vínculos. Rosalía completa este trío de mulleres valentes que decidiron apostar por un modelo de economía diferente, onde o coidado do medio ambiente, a integración social e os valores humanos son tan importantes como a viabilidade económica.

Cales son os principios deste proxecto?

CostureArte non é só unha cooperativa que ofrece servizos de costura. É unha declaración de principios: 

  • Responsabilidade: cada punto é un compromiso coa calidade e o coidado
  • Respecto: cara ás persoas, os tecidos e o medio ambiente
  • Sustentabilidade: transformando refugallos en tesouros, alongamos a vida das pezas
  • Compromiso: coa comunidade, coas nosas socias e co futuro
  • Integración social: creando pontes onde outros ven barreiras

"Podo pechar os ollos e vexo un espazo cheo de felicidade, de mans migrantes, de mans locais, de moitas mulleres, aproveitando, coidando tecidos, facendo non só tecido como tal téxtil, senón ese tecido humano", comparte Juana cun sorriso que se percibe mesmo nas súas palabras. Diana soña aínda máis alto: "En 20 anos vexo un CostureArte con presenza nas 4 provincias galegas e en Sudamérica, polo menos en Colombia e Venezuela. Recoñecida por manter no tempo un modelo de economía social real e duradeiro, no que se tratan con coidado todas as fibras que chegan, principalmente as humanas."

Por que apoiar Costurearte?

1. É un proxecto de economía social real e transformador

CostureArte non é capitalismo pintado de verde, de lila ou de rosa. É economía social auténtica, onde as decisións se toman colectivamente, os beneficios se reparten equitativamente e o impacto social é tan importante como a sustentabilidade económica. Como di Diana: "É un proxecto real e veraz de economía social, sustentable, responsable e respectuoso co medio natural e sociocultural."

2. Protagonismo de mulleres migrantes e racializadas

Nun contexto onde as mulleres migradas enfrontan múltiples barreiras para acceder ao mercado laboral, CostureArte representa unha resposta de autoemprego digno e empoderamento colectivo. Estas mulleres non esperan que lles dean oportunidades; créanas elas mesmas, en relación coa súa comunidade.

3. Impacto ambiental positivo

Cada peza salvada do vertedoiro é un acto de coidado do planeta e o medio ambiente. CostureArte practica a economía circular real: transforma, repara, reutiliza. "Non é só un téxtil, non é só unha peza, non é só arranxar uns pantalóns", explica Juana. "Todo o que abrangue ese concepto son moitas persoas, moitos soños, moita felicidade, moita tranquilidade."

4. Modelo replicable de integración social

CostureArte xa ten 10 mulleres esperando completar o seu proceso de regularización para sumarse ao proxecto. É un modelo que, ao poñerse en marcha, xera inclusión social real, non só discursos.

5. - Calidade e creatividade únicas

A proposta de valor de CostureArte é clara: "a aposta polo aproveitamento téxtil garantindo a obtención de pezas novas e únicas." Non é produción en masa, é arte feita costura.

6. - Tecido social comunitario CostureArte non existe no baleiro

Conta co apoio dunha rede de organizacións ((Arraianas, EspazoCoop, Escuela Juana Millán, Coop57, Fundación Coop57) que amosa como a colaboración multiplica o impacto social. 7. - Visión a longo plazo Este non é un proxecto temporal. A idea é seguir crecendo e ter presenza nas catro provincias galegas e chegar a Sudamérica. Aumentar o impacto social do proxecto e chegar cada vez a máis xente.

8. - Formación e transferencia de coñecemento

CostureArte non só presta servizos; forma a outras persoas, principalmente mulleres migrantes, en oficios dignos, multiplica o impacto e xera oportunidades de autonomía económica na comunidade.

9. - Alternativa real á Fast Fashion

Mentres as grandes marcas, cos seus procesos de produción, destrúen o planeta e explotan traballadoras no Sur Global, CostureArte ofrece unha alternativa local, ética e sustentable.

10. - Proba de que outra economía é posible

CostureArte demostra que a economía pode ser feminista, antirracista, ecolóxica e rendible ao mesmo tempo. É a proba de que as utopías poden facerse realidade.

A onde irán os teus cartos?

O noso obxectivo mínimo é conseguir 10.000,00 €, que irían destinados a cubrir as seguintes partidas:

  • 25% do importe da achega obrigatoria para poder constituír a Cooperativa. Para as 3 socias, estamos a falar dun monto total de 5.625,00 €.
  • Gastos de constitución e notariais, estimados en 375,00 €
  • Investimentos de arranque da Cooperativa, nomeadamente mobiliario e maquinaria, cun importe estimado de 4.000,00 €.

Se as doazóns superan esa contía inicial mínima prevista, todo o exceso irá destinado a completar a achega o capital social obrigatorio pendente (o outro 75%) que para as 3 socias ascende a 16.875,00 €.

O que faltase, cubrirase temporalmente con financiamento por parte de Coop57 ata o cobro das axudas APROL da Xunta de Galicia para a creación de cooperativas e incorporación de socias de traballo

Transparencia e fiscalidade

A Fundación Coop57 xestiona estas doazóns solidarias. De conformidade cos artigos 18, 19 e 20 da Lei 49/2002, modificada como consecuencia da pandemia de Covid19 para estimular o apoio e o financiamento das iniciativas sociais (Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, BOE 6/5/2020). Para máis información consulta as condicións de doazón.

 

FORMULARIO DE DOAZÓN A campaña non está activa