10 anos arraigando o que importa
Arraigando comunidade, interdependencia, vidas dignas, autonomía, futuros desexables.

Quen somos?
A Fundación Coop57 é unha ferramenta colectiva que impulsa e dá apoio a iniciativas transformadoras cun alto impacto social. É unha ferramenta complementaria a Coop57, a cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios, que permite chegar alí onde o crédito non é viable, pero a acción social e comunitaria é imprescindíbel.
O obxectivo da Fundación é canalizar recursos cara aos movementos sociais e aos proxectos colectivos que traballan por unha sociedade máis xusta, democrática e sustentábel, promovendo un modelo económico baseado na cooperación, na solidariedade e no apoio mutuo. Para facelo, articula fondos económicos de carácter solidario e impulsa liñas de acción propias, sempre cunha ollada transformadora e arraigada nos valores da Economía Social e Solidaria (ESS).
En que ámbitos traballamos?
A Fundación Coop57 apoia iniciativas que promoven outra maneira de entender a economía e as relacións sociais. Os nosos eixos de traballo son:
- Loita contra as desigualdades e a exclusión social: Traballamos para eliminar as barreiras que afectan a colectivos vulnerábeis, como persoas migradas, mulleres e mocidade, facilitando a súa incorporación á Economía Social e Solidaria (ESS).
- Loita contra a precariedade laboral: Apoiamos iniciativas que promoven condicións laborais dignas e a defensa dos dereitos laborais, reforzando o sindicalismo e a organización colectiva.
- Impulso da transición enerxética: Fomentamos proxectos que apostan pola eficiencia enerxética e as enerxías renovábeis, contribuíndo á democratización da enerxía e á sustentabilidade ambiental.
- Revitalización do mundo rural: Apoiamos iniciativas que promoven a soberanía alimentaria, a economía cooperativa e a defensa da biodiversidade, reforzando o tecido social e económico das zonas rurais.
Estes eixos de actuación están atravesados por prioridades transversais como o antirracismo, os feminismos e o ecoloxismo para contribuír a ampliar e consolidar a ESS, ofrecendo apoio alí onde é necesario para construír unha economía ao servizo das persoas e do ben común.
Por que doar á Fundación Coop57?
A Fundación Coop57 nacemos para dar apoio a aquelas iniciativas que loitan pola transformación social. Desde entón quixemos ser unha ferramenta posta a disposición dos movementos sociais e de quen se organiza para dar respostas transversais e rupturistas.
Sempre estaremos ao lado de quen loita por garantir vidas dignas para todas.